Manifesto Día do Peón 2009,
TIRA POLA PIOLA
Traballar todo o ano cansa, traballar un día e mais outro na mesma cousa é aborrecido. Así e todo hai días nos que o traballador ten o corpo golfo e quere brincar, eses días fabrica cousas para a alegría. Estes días pasados os ferreiros que fan ferramentas e os carpinteiros que amoblan as casas deixaron estar os traballos e armaron animaliños de madeira con punta de ferro. Son bichiños viradores.
Baila, bailarín, baila, Danza, salta, o meu peón, Brinca a miña buxaina O meu trompo toleirón
Baila, bailarín, baila,
O peón é barrigón e polo pé moi agudo, é un bicho que quere brincar e que naceu aprendido, xa sabe bailar. Nada máis falta que ti aprendas primeiro, a buxaina vai agardar que alguén che ensine primeiro a que a envolvas coa túa piola, a modiño, con xeito, unha volta e mais outra. Á que está envolta hai que sacar a lingua polo canto da boca e logo, atención, aí vai o peón!
Elvira, tira,
Manuel, dalle á piola.
Son o teu trompo,
Lánzame que non rompo.
Suso de Toro, 2009
0 comentarios:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.