Con esta entrada aproveitamos para presentaros o blog AS TIC NO CEIP A RÚA, que podedes atopar enlazado na sección de Os nosos blogs de aula e profesores. Nel iremos facendo propostas de actividades de aula relacionadas coas TIC e iremos informando das novidades que se vaian producindo a nivel xeral. Nesta ocasión ímosvos propoñer actividades para que os nenos/as melloren a súa habilidade para escribir no teclado con máis rapidez e precisión.
Con frecuencia deixamos aos nenos/as que escriban no teclado segundo o seu instinto natural (é dicir, con un ou dous dedos) e esquecémonos de desenvolver unha habilidade básica que aumenta sensiblemente a produtividade do traballo diante do ordenador, tal como é escribir utilizando todos os dedos das dúas mans e ademais facelo sen mirar para o teclado, é dicir, mirando para a pantalla do ordenador.
Existen moitos recursos en internet para mellorar esta habilidade, e xa dende idades propias da etapa de educación infantil, é dicir, dos 3 anos en diante, a través de xogos sinxelos para aprender a manexar primeiro o rato e logo as primeiras letras do teclado.
Para os máis pequenos podemos comezar con TUX-TYPING, un xogo educativo que se descarga desde internet e que é multiplataforma, con versións para LINUX, Windows e Mac.Tux é un pingüín que vai zampándose os peixes que caen antes de que toquen o chan. Cada peixe leva unha letra asociada e para que Tux o poida comer o neno/a debe pulsar esa letra coa suficiente rapidez antes de que o peixe chegue ao chan. Ten opcións para regular a velocidade con que caen as letras ou mesmo elixir palabras con diverso grao de dificultade. Está traducido entre outras á lingua galega.
Un xogo que utiliza unha idea similar podemos atopalo en Mecanografía na Prehistoria, na web de Vedoque.Outro xogo é o de Biblioteca máxica , este require un mínimo de destreza e será axeitado a partir de segundo ciclo de primaria.
Especialmente a partir do 3º curso de primaria podemos traballar cun programa sistemático de aprendizaxe, na liña do que por exemplo nos ofrece a páxina web de cursomeca.com, que nos permite probar o programa sen rexistrarnos nun curso de 27 leccións.
É útil, como elemento motivador, levar un rexistro nun caderno de todos os alumnos/as onde se anoten cada unha das leccións que van superando e o número de erros das que non superan.
Outra opción a partir de 2º ciclo é o curso da web de Vedoque.
0 comentarios:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.