11/06/11

Excursión ás Illas Cíes

CEIPARUA
Hoxe, venres, 10 de xuño, os alumnos e alumnas do terceiro ciclo de primaria fomos de viaxe ás Illas Cíes. Tivemos sorte co tempo, pois estaba bo día, algo fresquiño pero despexado. Collemos o catamarán en Cangas, e despois de facer escala en Vigo, chegamos ás Cíes ás 11 da mañá. Alí separámonos en 3 grupos duns 15 nenos/as cada un e seguimos dous itinerarios diferentes acompañados por Paula e Marta, que eran as guías do parque. Un grupo fomos ata o monte do Faro, e os outros dous ata o Alto do Príncipe.



Primeiro Paula e Marta explicáronnos sobre un panel como se chamaban as diferentes partes das Illas: realmente son 3 illas, a do sur, a do medio e a do norte. Faláronnos sobre os ecosistemas das illas, sobre a súa flora e a súa fauna. Tamén nos fixeron fincapé nas normas que todas as persoas deben respectar para coidar o parque nacional.


A primeira explicación que nos deu Paula foi sobre o ecosistema das dunas, que posúe unha fauna e unha flora específica. As dunas, xunto co bosque autóctono, o monte de eucalipto, o monte baixo e os cantís son os ecosistemas fundamentais das Illas.


Xa camiño do Alto do Príncipe atopamos unha vagoada que aínda conserva especies do que podía ser o bosque autóctono. Hoxe en día toda a illa está invadida polo eucalipto, que como todos sabemos son orixinais de Australia, e que foron mandados plantar alá polos anos 1960 polo ditador Franco.


Un pouco máis arriba desa vagoada atopamos outra pequena zona de bosque autóctono, onde había exemplares de carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros, salgueiros e outras especies.


Chegamos así ao último tramo de subida ata o Alto do Príncipe, xa na cara oeste da Illa, e nun lugar víanse os efectos do vento nordés sobre as follas dunhas árbores que estaban máis secas ca verdes. Paula díxonos que do outro lado do mar estaba América e que poderiamos atoparnos de fronte coa estatua da liberdade.


Xa moi preto do Alto do Príncipe había un ecosistema de monte baixo, onde abunda o toxo, e que ten como fauna máis representativa os coellos, ratos, serpes, e tamén se atopan aves de presa como os miñatos, os azores e os falcóns peregrinos.

Nesa mesma zona vimos unha trampa para visóns, pois resulta que estes animais, que non son autóctonos das Illas, conseguiron chegar a elas nadando desda a costa, despois de fuxiren das granxas onde os crían para facer abrigos de peles, e causan moito dano nos ecosistemas naturais das Illas.


Finalmente chegamos ao mirador do Alto do Príncipe, xusto enriba dos cantís, que son o ecosistema ideal para as gaivotas e os cormoráns. Xusto no borde dos cantís hai unha rocha con forma de cunca, que se chama a cadeira da raíña, e alí posamos todos para unha foto de grupo.

Dende alí puidemos ver unhas vistas fabulosas das Illas, especialmente da Illa do sur, da praia de Rodas, da zona de acampada e do monte do Faro.

Xusto ao pé do monte do Faro, na zona de cantís, vimos furnas, que son unha especie de covas onde crían os cormoráns. Tamén vimos gaivotas aniñando os seus ovos, pois agora é época de cría.

Xa de regreso á zona de acampada aínda puidemos ver un lagarto arnal que quedou posando para todos nós.

Antes de xantar fumos darnos un baño á praia de Rodas, e foi xenial. A auga estaba fresca, pero non houbo quen se resistise a non probala, incluso o profe Antonio!

E aínda vimos moitas máis cousas interesantes, como un barco veleiro de 4 paos fondeado na ría, un cormorán que se mergullaba e pescaba peixes ao lado da nosa zona de baño, unhas pombas torcaces, etc... que podedes ver pinchando na imaxe de abaixo.

Illas Cíes 2011

So queda dicir que despois do xantar regresamos no barco e fartámonos de cantar e de facer as ondas e monumentos a todos os compañeiros e aos profes. Esta excursión foi xenial!!!


PARA SEGUIR APRENDENDO...

1. Se foses un/unha guía das Illas Cíes,  que dúas ou tres cousas destacarías para contarlles aos nenos/as do grupo que che tocase levar?

2. Fai un esquema ou cadro-resumo de dobre entrada cos diferentes ecosistemas que atopamos nas Illas e as características de cada un en canto a flora, fauna e lugares onde se atopa.

3. Que valoras máis de todo o que existe no ambiente natural das Illas Cíes? Se foses a persoa responsable do Parque, que medidas proporías para a súa conservación?

CEIPARUA / Autor & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Distributed By Gooyaabi Templates