06/05/09

Internet segura para nenos

CEIPARUA
Hoxe estivo connosco un membro do equipo de delitos informáticos da Garda Civil para advertirnos dos perigos do uso de internet de xeito incontrolado por parte dos nenos e nenas no seu propio fogar.

Na rede escóndense perigos como os da pornografía infantil, pedofilia ou anorexia. O principal perigo dase na utilización dos chats tipo "messenger" ou nas redes sociais (Facebook, Tuenti, MySpace...), onde os menores establecen contactos con persoas descoñecidas, ofrecéndolles toda a información sobre a súa identidade dun xeito inconsciente: nome, idade, dirección, número de teléfono móbil ou mesmo o número da tarxeta de crédito dos seus pais. Logo, estes desalmados utilizan esta información para chantaxear ao menor, conseguir fotos comprometidas ou mesmo establecer un contacto real onde mesmo poden cometer abusos de todo tipo.

Existen medidas que deben adoptar os pais de xeito preventivo, entre as que destacan:

1. Ter o ordenador sempre no salón da casa, nunca na habitación do menor.
2. Utilizar programas de control parental
3. Dado que a represión a medio ou longo prazo nunca foi boa compañeira, o máis eficaz é educar ao menor no sentido da responsabilidade e da confianza cos seus pais.

Na revista Educar al niño tamén atopamos este artigo con 10 consellos para protexer aos menores en internet.

A primeira medida debe ser responsabilizar ao menor do uso que fai de internet, por exemplo, animándoo a firmar o seguinte código cyberético:


Recollemos o texto que segue relativo ás medidas de seguridade a adoptar nos chats da páxina de cyberfamilias

Chatear é simplemente ter unha charla ou conversa a través de Internet, pero dependendo do tipo de chat no que esteas, pode chegar a ser moito máis... perigoso.

1. Non deas nunca información persoal sobre ti, a túa escola ou a túa casa. Non envíes fotografías sen o permiso dos teus pais.

2. Non quedes en "citas a cegas" con descoñecidos sen a presenza e/ou e o coñecemento dos teus pais.


3. Lembra que a xente que navega por Internet non sempre é o que parece, porque non podes vela nin oíla. Por exemplo: cando alguén che está dicindo por Internet que é unha nena de 12 anos, pode ser un señor de 45.

4.Intenta non utilizar o teu propio nome como nick nos chats.

5.Coñece aos teus amigos de Internet da mesma forma que coñeces aos teus outros amigos. Non lles permitas cousas que non lles permitirías aos que tes agora.

6. Se te atopas nunha situación que te fai sentir mal debes dirixirte unha vez máis á Organización de Protección da Infancia PROTEGELES: contacto@protegeles.com e contarlles o problema.

O conferenciante tamén nos alertou sobre os perigos dos virus informáticos ou de ter desprotexidas as redes wifi, pois calquera delincuente podería utilizalas para cometer un delito utilizando a nosa identidade. Os virus, tipo troianos, son utilizados para roubarnos claves e con elas mesmo os aforros do banco.

A prevención máis eficaz contra os virus é utilizar directamente software libre (GNU/Linux, con distribucións coma Ubuntu, OpenSuse, etc) en vez de Windows. Basta con descargar gratuitamente da rede este software e instalalo no noso ordenador para quedar protexidos dos virus. Sen embargo debemos manter todas as precaucións anteriores en relación aos perigos dos chats.

Utilizar internet é a día de hoxe un recurso irrenunciable. Pero, do mesmo xeito que nos expoñemos todos os días a un accidente de circulación utilizando o noso automóbil, tamén na rede de internet nos expoñemos a diversos tipos de "accidentes". Non obstante, é a nosa obriga como usuarios formarnos e coñecer as normas de circulación e poder previr dese xeito os accidentes.

Máis información en :

http://www.ciberfamilias.com
http://www.protegeles.com
http://www.internetsegura.net

CEIPARUA / Autor & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

2 comentarios:

  1. Moitas grazas pola información Xose :)

    Por todos eses motivos e por outros como é a intimidade dunha persoa que non ten a capacidade de xestionala de motu proprio, é polo que eu son tan contraria a por fotografías recoñecíveis dos nenos na rede.

    O que máis me espanta é cando son os proprios pais os que poñen non só as fotos dos nenos, senón o seu nome e apelidos, e outros dados como o pobo/cidade e a escola á que asisten, pondo ó menor nunha situación, o meu parecer, de desprotección é contravindo todas as recomendacións que se lle fan ós nenos dende os organismos especializados (Agencia de protección de datos, Garda Civil, etc.). E chegados a este punto e se se me permite (ehemmmm) as escolas tamén deberiades reflexionar pois a imaxe e o nome, xunto coa identificación do lugar físico (escola) onde se pode atopar a "ese" neno tamén vai contra as recomendacións arriba citadas.

    Un biquiño :*

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas Meninheira por ler o noso blog e achegarnos o teu punto de vista.
    O noso blog é unha ventá aberta que comunica a escola coas familias e co mundo, o cal nos parece dunha grande riqueza.
    O uso que se fai das fotos é exclusivamente didáctico e o que ti comentas limitaría execsivamente as nosas propostas.
    Máis que pola restricción no seu uso, avogamos pola prevención, informando ós nosos alumnos/as e ás familias dos posibles riscos. Mostra disto son, como podes apreciar, as actividades que se deseñan para toda a Comunidade Educativa.

    Unha aperta afectuosa dende o CEIP A Rúa.
    Ana

    ResponderEliminar

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Distributed By Gooyaabi Templates