25/11/09

Escribir rápido no teclado (mecanografía)

CEIPARUA

Con esta entrada aproveitamos para presentaros o blog AS TIC NO CEIP A RÚA, que podedes atopar enlazado na sección de Os nosos blogs de aula e profesores. Nel iremos facendo propostas de actividades de aula relacionadas coas TIC e iremos informando das novidades que se vaian producindo a nivel xeral. Nesta ocasión ímosvos propoñer actividades para que os nenos/as melloren a súa habilidade para escribir no teclado con máis rapidez e precisión.

Con frecuencia deixamos aos nenos/as que escriban no teclado segundo o seu instinto natural (é dicir, con un ou dous dedos) e esquecémonos de desenvolver unha habilidade básica que aumenta sensiblemente a produtividade do traballo diante do ordenador, tal como é escribir utilizando todos os dedos das dúas mans e ademais facelo sen mirar para o teclado, é dicir, mirando para a pantalla do ordenador.

Por outra parte, a práctica da mecanografía, en dúas ou tres sesións semanais duns 20 minutos é un excelente exercicio para a mellora da concentración.

Existen moitos recursos en internet para mellorar esta habilidade, e xa dende idades propias da etapa de educación infantil, é dicir, dos 3 anos en diante, a través de xogos sinxelos para aprender a manexar primeiro o rato e logo as primeiras letras do teclado.

Para os máis pequenos podemos comezar con TUX-TYPING, un xogo educativo que se descarga desde internet e que é multiplataforma, con versións para LINUX, Windows e Mac.


Tux é un pingüín que vai zampándose os peixes que caen antes de que toquen o chan. Cada peixe leva unha letra asociada e para que Tux o poida comer o neno/a debe pulsar esa letra coa suficiente rapidez antes de que o peixe chegue ao chan. Ten opcións para regular a velocidade con que caen as letras ou mesmo elixir palabras con diverso grao de dificultade. Está traducido entre outras á lingua galega.

Un xogo que utiliza unha idea similar podemos atopalo en Mecanografía na Prehistoria, na web de Vedoque.

Outro xogo é o de Biblioteca máxica , este require un mínimo de destreza e será axeitado a partir de segundo ciclo de primaria.

Especialmente a partir do 3º curso de primaria podemos traballar cun programa sistemático de aprendizaxe, na liña do que por exemplo nos ofrece a páxina web de cursomeca.com, que nos permite probar o programa sen rexistrarnos nun curso de 27 leccións.


É útil, como elemento motivador, levar un rexistro nun caderno de todos os alumnos/as onde se anoten cada unha das leccións que van superando e o número de erros das que non superan.

Outra opción a partir de 2º ciclo é o curso da web de Vedoque.

CEIPARUA / Autor & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Distributed By Gooyaabi Templates