15/05/12

Educar na responsabilidade, charla de Carmen Loureiro

CEIPARUA

 Hoxe tivemos o pracer de compartir o noso tempo con Carmen Loureiro, excepcional comunicadora, que vén falarnos de cómo educar na responsabilidade aos nosos fillos e fillas. 

Educar é unha tarefa moi difícil. Poidemos ver o exemplo visual dunhas pinguiñas de auga insertadas nun fío de coser despois de seren atravesadas por unha agulla. A probabilidade de que as pinguiñas se desfagan é moi alta.

(Imaxe tomada de http://danzandoencasasolaydescalza.blogspot.com.es/2011/05/el-collar-imposible.html)

Educar é unha tarefa case imposible se non unimos todos as nosas forzas: a familia e a escola. Seguro que as dificultades aparecen cando o pai e a nai non se poñen de acordo no xeito de educar, pero estas acentúanse se ademais non fan piña cos mestres dos seus fillos/as. De aquí nace a importancia de manter unha boa relación e unha comunicación moi fluída entre pais e mestres.

Carmen falounos da pirámide das necesidades, baseada en Maslow, un psicólogo de corte humanista. Existen 5 tipos de necesidades básicas:
as fisiolóxicas (do corpo para alimentarse e estar san), 
as necesidades de seguridade,
as de amor e pertenza,
as de autoestima, e
as de autorrealización.

 (Imaxe tomada en http://proyeccion.blogspot.es/1254454320/)

 Comezando polo nivel máis básico, se algún destes niveis non se atopa cuberto, as enerxías da persoa céntranse nel e impídennos seguir crecendo e cubrir as necesidades máis altas. Se unha persoa non se alimenta o suficiente, estará centrada en buscar comida e malamente poderá atender os outros tipos de necesidades. 

Pero temos que ter coidado, pois os excesos tamén teñen inconvenientes, e a virtude está no equilibrio. A sobrealimentación leva á obesidade, o exceso de seguridade leva ao sobreproteccionismo e impide crecer e adquirir autonomía propia, co exceso de amor e pertenza sucede outro tanto, con reforzar excesivamente a autoestima conseguimos persoas engreídas.

Educar na responsabilidade significa formar persoas conscientes dos seus dereitos pero tamén dos seus deberes.  Persoas con condutas asertivas, é dicir, nin pasivas nin agresivas, nin que agachen a cabeza para dicir si a todo, nin tampouco que anden polo mundo humillando a todo aquel que atopan por diante. Ser asertivo significa saber defender os dereitos propios respectando ao mesmo tempo os dereitos dos demais. (Ver aquí para ampliar esta información)

Outra parte da charla foi dedicada á xestión dos conflitos. Diante dun conflito, o peor que podemos facer é discutir co noso fillo/a e tratar de impoñer a nosa visión "en quente". A conduta máis prudente é utilizar a técnica do semáforo: estará vermello cando esteamos nerviosos/as, e nese momento o mellor é non facer nada e calmarnos, retirándonos da escena, e invitando ao noso fillo/a a "pensar" nun lugar tranquilo. O semáforo poñerase verde cando uns minutos despois (se o neno/a é cativo) esteamos máis calmados e poidamos dialogar sen a interferencia das emocións intensas. Debemos ter sempre en mente que nós somos un modelo que os nosos fillos/as imitan e do que en consecuencia aprenden. (Ver aquí para ampliar a información )

Na hora de educar podemos distinguir catro tipos básicos de estilos parentais
Autoritario
Indulxente ou permisivo
Neglixente
Autorizativo

O estilo máis aconsellable é o autorizativo, mediante o cal o fillo/a aprende a aceptar a autoridade dos pais porque está baseada no respecto, no diálogo pero tamén no control. No estilo autoritario os pais impoñen directamente o seu parecer, mentres que nos estilos permisivos ou neglixentes, ou ben deixan facer ou ben desenténdense de todo.

(Recollido en http://reme.uji.es/articulos/numero32/article2/texto.html)

E como colofón, reproducimos a Carta dun neno aos seus pais, que Carmen nos invitou a ler, e que sen dúbida, nos axuda a reflexionar sobre o significado de educar.

Cando ti crías que eu non miraba...
vin que colgabas a miña primeira pintura na neveira
e inmediatamente quixen pintar outra.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin que poñías alimento no plato do gato
e aprendín que era bo ser amable cos animais.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin que facías a miña tarta favorita
e aprendín que as cousas pequenas
poden ser especiais na vida.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin que facías a comida e lla levabas a un amigo enfermo
e aprendín que todos temos que axudar a coidar a outros.
Cando ti crías que eu non miraba...
Vin como regalabas o teu tempo e o teu diñeiro
para axudar á xente que nada tiña...
e aprendín que os que teñen "algo",
deben compartir cos que non teñen nada.
Cando ti crías que eu non miraba...
sentín o teu bico antes de deitarme
e sentinme amado e seguro.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin que coidabas da nosa casa e de todos dentro dela
e aprendín a coidar o que nos foi dado.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin como cumprías coas túas responsabilidades
aínda que non te sentiras moi ben
e aprendín que tería que ser responsable cando medrase.
Cando ti crías que eu non miraba...
vin saír bágoas dos teus ollos
e aprendín que ás veces as cousas doen
pero está ben chorar.
Cando ti crías que eu non miraba ...MIÑA NAI
aprendín a maioría das leccións da vida
que necesito saber para ser unha boa persoa
cando medre.
Cando ti crías que eu non miraba...
Mireite e quería dicir:
GRAZAS por tódalas cousas que aprendín
CANDO TI CRÍAS QUE EU NON MIRABA

Grazas a Carmen Loureiro :-)

CEIPARUA / Autor & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Distributed By Gooyaabi Templates