05/03/10

Receitas para dicir palabras bonitas

CEIPARUA


O outro día na clase de 1º gozamos dun momento moi especial, deses que deben ser recordados e que che fan sentir privilexiada por dedicarte á tarefa de educar :-)

Na hora de ler leveilles o libro "Á sombra do lueiro de papel" de Antonio García Teijeiro. Comenteilles que lles traía este libro porque Antonio G. T. era un poeta, que sabía escribir con palabras bonitas e que eu admiraba porque para min era difícil expresarme desta maneira tan fermosa.

María pediu a palabra e dixo que ela podía axudarme a dicir palabras bonitas. Esta é a súa receita:

-"Tes que sentir algo bonito no teu corazón e despois dicilo"
-Profe Ana: Pon algún exemplo, María.
-María: Por exemplo, dicirlle á miña irmá Ana..."Ana aínda que sexas un bebé me encantas", ou o meu papá..."Papá, aínda que esteas canso de traballar tanto, quérote moito do meu corazón"

Pablo tamén comentou que el sabe escribir poemas e que "só tes que escribir algo bonito, como cousas que pasan na vida"

Ada regalounos estas palabras: "A amizade é bonita igual que o amor"

Agradezo ó nenos/as de 1º que nos ensinen a ver o lado poético da vida! Quero agasallalos cunhas receitas que me ensinou a lúa e que están para lamberse os dedos!!!
(As ilustracións son dos seus compañeiros/as de 2º de Primaria)


A lúa está cociñando
neboeiros na tixola.


O sol, sentado con ela,
non quere que estea sola.



Fai pratos ricos a lúa
Gústalle moito a cociña.



O seu doce preferido
é o turrón con estreliñas.



O sol á casa da lúa
vai cear todos os días.



Cando remata o labor
colle no ceo o tranvía.



Andan as présas os dous.
Don Tempo na porta chama.



Unha marcha ao seu traballo.
Outro lisca para cama.


Poema pertencente ó libro Á sombra do lueiro de papel,
de Antonio García Teijeiro







No seu último libro , "A poesía necesaria", busca contaxiar ilusi
ón e abrir canles promovendo a lectura e a creación poética nas aulas.

(Pinchando na imaxe temos unha entrevista en Galicia-Hoxe na que o autor nos fala da súa relación coa poesía)




"A poesía é tan necesaria como comer, respirar, conversar, chorar, subir ao autobús e aloumiñar" (Antonio García Teijeiro)

CEIPARUA / Autor & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

2 comentarios:

  1. Fermoso poema.
    Gracias aos nenos/as de 1º por ensinarnos a dicir palabras bonitas e aos nenos/as de 2º por agasallarnos con estas preciosas ilustracións.
    Biquiños

    ResponderEliminar
  2. Que falta nos fan as palabras bonitas!!
    Grazas a todos

    ResponderEliminar

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Distributed By Gooyaabi Templates